Resolución III edición do premio

19November2009

Durante a tarde do martes 17 de novembro, no salón de grados da universidade de Ourense, tivo lugar a presentación da III edición do Premio ó mellor PFC con Software Libre.

Unha vez realizadas as presentacións dos finalistas desta edición, o xurado deciciu otorgar o premio de 1000€ por unanimidade a Sabela Ramos Gadea, co proxecto “Biblioteca de primitivas colectivas para paso de mensaxes en Java en sistemas multi-core“. Este proxecto estará pronto dispoñible dentro da biblioteca MPJExpress, unha das máis empregadas na computación de altas prestacións en Java. Asimesmo, concedeuse o accésit de 500€ a Carlos López, por UGABI: Ubalda Gestor de Ancho de Banda Inalámbrico.

Ambos proxectos, ademáis de presentar unha gran calidade técnica demostraron un compromiso co software libre, o que os fixo merecedores do premio. Nesta edición, ata 8 participantes realizaron tódolos pasos para ser finalistas. A calidade de todos eles foi elevada, como atestigou o xurado á hora da avaliación. Este feito, servirá sen dúbida para consolidar a iniciativa e afrontar as seguintes edicións co obxectivo de ampliar o número de finalistas e expandir o coñecemento do software libre entre o alumnado universitario.

O xurado da terceira edición do Premio estivo composto por:

  • Enrique Barreiro, pola Universidade de Vigo.
  • Manuel Penedo, pola Universidade da Coruña.
  • José Ramón Ríos Viqueira, pola Universidade de Santiago de Compostela.
  • Mar Castro, por Mancomún, Centro de Referencia en Software Libre.
  • Andrés Maneiro, por Igalia.
  • Alejandro Piñeiro, por Igalia.

Memoria dos proxectos

16October2009

restan 15 días para que se cerre o plazo de inscripción no premio. A través da rolda de correo temos enviado un guión do que podería ser a memoria relativa ó proxecto, que terá que ser enviada antes do 31 de Outubro á dirección de correo premiopfcsoftwarelibre@igalia.com

Aínda que todos os puntos descritos a continuación son importantes de cara a avaliación dos traballos, esta estrutura é meramente unha suxerencia para os participantes.

  1. Presentación e introducción
  2. Desenvolvemento do PFC
    • Aspectos técnicos relativos ó pfc: tecnoloxías, qué problema resolve, etc
    • Resumo da memoria técnica do PFC
  3. Software libre no PFC
    • Xustificación: ¿por qué software libre?
    • Software Libre usado no proxecto: ferramentas, librerías, …
    • Licencia: cal foi elexida e por qué
  4. Actividade pública
    • Distribución do código: forxas e ferramentas usadas, etc
    • Publicidade e outras ferramentas utilizadas na difusión e contacto con usuarios e outros desenvolvedores: web, blog, roldas de correo, …
  5. Conclusións

Por outra banda, as memorias dos finalistas do ano anterior están dispoñibles públicamente a través da Forxa de Mancomún:

Presentacións nas facultades galegas

28September2009

Ó longo das seguintes semanas, Igalia estará presente nos campus universitarios das 3 universidades galegas para presentar o Premio ó mellor PFC con Software Libre. Durante a presentación explicaranse os obxectivos e bases desta iniciativa. As datas son as seguintes:

Terceira edición do Premio ó mellor PFC de Software Libre

17September2009

Igalia, empresa galega de Software Libre, convoca o Premio ó Mellor Proxecto Fin  de Carreira (PFC) con Software Libre 2009.

Este evento xurde para fomentar o acercamento  e coñecemento dos universitarios galegos sobre o Software Libre (SwL) e promover o emprego de calidade baseado nas tecnoloxías da información e da comunicacion. O obxectivo é que moitos dos PFCs que se presentan cada ano nas diferentes escolas e facultades de Galicia sexan desenvolvidos como Software Libre, premiando ó mellor deles con 1,000€ e a difusión pública do mesmo.

O período de inscrición remata o 30 de outubro de 2009. A participación está aberta a calquera  estudante dunha universidade galega que defenda o seu PFC cunha nota mínima de 5.0 nalgunha das convocatorias do ano académico 2008/2009.

A iniciativa, coa que colaboran as 3 universidades galegas e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica a través de Mancomún, o  “Centro de Referencia e Servizos de Software Libre” de Galicia, contará con un premio de 1,000 €. O premio entregarase no salón de actos da Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo, campus de Ourense, durante a terceira semana de novembro, podendo o xurado decidir a concesión dun accésit de 500 €.