Igalia, empresa galega de Software Libre, convoca o Premio ó Mellor Proxecto Fin de Carreira (PFC) con Software Libre 2009.
Este evento xurde para fomentar o acercamento e coñecemento dos universitarios galegos sobre o Software Libre (SwL) e promover o emprego de calidade baseado nas tecnoloxías da información e da comunicacion. O obxectivo é que moitos dos PFCs que se presentan cada ano nas diferentes escolas e facultades de Galicia sexan desenvolvidos como Software Libre, premiando ó mellor deles con 1,000€ e a difusión pública do mesmo.
O período de inscrición remata o 30 de outubro de 2009. A participación está aberta a calquera estudante dunha universidade galega que defenda o seu PFC cunha nota mínima de 5.0 nalgunha das convocatorias do ano académico 2008/2009.
A iniciativa, coa que colaboran as 3 universidades galegas e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica a través de Mancomún, o “Centro de Referencia e Servizos de Software Libre” de Galicia, contará con un premio de 1,000 €. O premio entregarase no salón de actos da Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo, campus de Ourense, durante a terceira semana de novembro, podendo o xurado decidir a concesión dun accésit de 500 €.
